martes, 20 de diciembre de 2011

O MEU RELATO


Agora ensínovos un relato que escribin eu mesma: 

EPSTEIN-BARR CHEGA A GALIZA Autora: Neutrina


Hai xa algúns anos, nun bonito día de primavera, a raíña Aragonta elixiu a unha das máis belas princesas do reino para casar co príncipe Caselo. A princesa Isabel moi contenta e ilusionada, decidiu sen dúbida algunha ir coñecer aquel príncipe do que todo o mundo falaba e dicía que tan bondadoso e fermoso era.

Mentres a princesa Isabel dirixíase a falar con Caselo eu estaba chegando a Galiza. Cando cheguei ao sur decidín parar na provincia de Pontevedra, nun bonito pobo chamado Salceda de Caselas. Eu tiña intención de quedar alí un mes ou dous pero todo era tan marabilloso e comíase tan ben que dixen: Aquí quedo para sempre. Ah, perdón, desculpade que son un maleducado, comecei a falar e aínda non me presentei. Chámome Epstein-Barr pero podédesme chamar Veb. Eu son un virus malvado que provoco a enfermidade da mononucleose e ás veces desexo ser bo porque soamente teño un amiguiño: Citomegalovirus, ao que todos chamamos Cito. Eu son un pouco malo porque cando me meto nun corpo... fágoa boa! Doulle dor de cabeza, febre, irritación de gorxa, dánolle por un tempo o bazo e o fígado e ademais queda uns días na cama pola fatiga que lle causo. Imos ao tema, que nos estamos desviando del, xa nos coñeceremos despois un pouco máis.

En fin, cando a princesa coñeceu a Caselo namorouse tolamente del e dixo:
-Oh, que sorte a miña, que vou casar cun home coma este.

Pero non creades que vai ter tanta sorte. Como eu xa tiña decidido que me ía infiltrar no corpo de Caselo para estragarlle a vida durante un tempo e tiña que ser pronto, chamei ao meu amigo Cito para contarlle a noticia e el díxome:
  • Estás tolo, amigo! Estragaraslles a voda, o namoramento e todo iso.
  • Xa che teño dito que o noso traballo é ese, ademais tes que ser un pouco máis malo, senón para que es un virus?-. Dixen eu
  • Cala que ti es unha entidade infecciosa microscópica, nin sequera un ser vivo.
  • Pois ti tampouco es ser vivo ningún-. Respondín eu e marchei.

Creo que por unha parte o meu amigo leva razón pero chegou o momento de infiltrarme no corpo de Caselo que xa non aguanto máis, vou facerlle unha visitiña, xa sabedes a que me refiro, ao contaxio. Ah! do contaxio aínda non vos contara nada pero xa volo explico agora. Eu non cheguei ata aquí voando coma un heroe nin por baixo da terra coma unha toupeira. Non, nada diso, eu veño de Castela metido en... Ai! que me dá vergoña contar isto, é igual cóntovolo pero non llo digades a ninguén, vale? Eu veño de Castela metido no corpo de Juana, unha prima de Caselo que ven convidada á voda e que lle deu a Caselo un bico de parabéns polo casamento, e aí trasladeime a Caselo como eu quería, que ben!

Caselo marchou a organizar a voda con Isabel:
  • Ola Isabeliña.
  • Que tal estás, Caselo?-.
  • Moi ben, como non! Casamos mañá-. Respondeu el.

O pobre non ten nin idea de que eu xa estou dentro del e pronto comezará a sentirse mal. Pero non importa porque serei un pouco máis bo do normal e deixarei que se atope ben durante a cerimonia.

Agora vouvos contar o que aconteceu na voda:
  • Caselo Teiriño Suárez, queres a Isabel Feiras Sestelo como lexítima esposa para querela e protexela ata que a morte vos separe?-.Dixo o cura.
  • Si, quero.
  • E ti Isabel Feiras Sestelo, queres a Caselo Teiriño Suárez como lexítimo esposo para querelo e protexelo ata que a morte vos separe?-. Volveu falar o cura
  • Si, quero.
  • Pode bicar á noiva-. Finalizou o cura.

Ou non... Agora si que nunca nunca marcharei porque cando remate con Caselo tamén terei que meterme no corpo de Isabel. Amigo, agora entendo porque moita xente chámalle ao meu traballo a enfermidade do bico, pero se estaba claro coma a auga, como non me dei conta antes?

A pobre Isabel non ten nin idea de que Caselo é portador da mononucleose, mellor dito de min. Supoño que a estas alturas xa teredes claro quen son e a que me dedico pero aínda me falta por contarvos que pasou despois, lede e veredes:

  • Caselo, querido, creo que me atopo mal.
  • Tan mal como me atopei eu hai algún tempo, creo.
  • Oh, pois eu non podo máis, debo ter gripe ou algo diso.
  • Non iso non é gripe. Paréceme que teño que explicarche algo.
  • Explícame, veña, conta.
  • Moi ben, o que ocorre e que na nosa voda alguén contaxioume a mononucleose, e claro agora eu contaxieicha a ti, pero non te preocupes que iso nun tempo cúraseche.
  • Pero que dis? Iso non existe, o que eu teño debe ser gripe.
  • Que non, que é verdade, é mononucleose!
  • Mira eh, a min non me mintas, non te inventes parvadas, non o podo crer! Eu queríache pero es un mentireiro, non me quedan forzas pero dígoche isto:

Nin príncipe nin sapo,
nin rata nin falcón,
ti es un mentireiro
dos pes ao corazón.

E así rematou a historia, Isabel non creu nada pero eu asegúrovos que é verdade. ATA OUTRA AMIGOS!








No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.